Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Lousame conmemora o Día das Letras Galegas cun espectáculo itinerante polas parroquias do municipio


O Concello de Lousame conmemorará mañá martes 17 de maio o Día das Letras Galegas cun espectáculo itinerante sobre a figura de Manuel María polas parroquias de Camboño, Vilacoba, Fruíme e Tállara. O espectáculo inclúe unha exposición itinerante, a lectura pública de poemas do poeta chairego e a representación lida da obra “Berenguela: aventuras e desventuras dunha espiña de toxo”.

As actuacións terán lugar ás 10:30 horas no lugar da Devesa-Corral de Arriba (Camboño); ás 11:30 horas no atrio da igrexa de Santa Eulalia (Vilacoba); ás 12:30 horas no atrio da igrexa de San Martiño (Fruíme); e ás 13:30 horas no campo da festa de San Roquiño (Tállara). A asistencia é totalmente libre.

Precisamente, o atrio da igrexa de San Martiño acollerá o vindeiro domingo 22 de maio, ás 12:30 horas, unha homenaxe ao Diego Antonio Cernadas de Castro. O acto contará coa actuación do grupo de música tradicional “Cernadas de Castro”, a lectura dunha semblanza e poemas do cura de Fruíme e unha ofrenda floral.